Lourenzo Fernández Prieto, La Voz de Galicia, 13/02/09
"Todos os males anunciados polos agoireiros do modelo de Boloña confirmaríanse de vez"
Lourenzo Fernández Prieto, Vicerreitor de Relacións Institucionais da USC
A preocupación por como se concrete o futuro máster universitario de secundaria enche as aulas universitarias de incerteza. O máster é unha necesidade para dotar de formación adecuada ao futuro profesorado de secundaria. Servirá para superar o actual Curso de Adaptación Pedagóxica, popularmente coñecido como CAP, que se imparte dende os anos setenta, e debe converterse no instrumento para adaptar a formación en contidos das carreiras a unha competencia didáctica que permita aos docentes enfrontar as necesidades concretas dos estudantes.
O problema non é pois o máster de Secundaria senón a forma que adopte en España o modelo de formación do profesorado de secundaria. A conta da construción do espazo común europeo corremos o risco de españolizar Europa e de aproveitar a conxuntura para construír novas peaxes que nos afasten do modelo universitario europeo en vez de aproximarnos a el. O deseño dun máster previo á oposición e con prazas necesariamente limitadas corre o risco de converterse nun obstáculo innecesario para a saída dos egresados de moitas carreiras que, entre outras vías, contan tradicionalmente coa da oposición ao corpo de profesores. Reducir esta expectativa constitúe unha restrición innecesaria e prexudicial para moitos titulados das actuais licenciaturas e un mal agoiro para futuros aspirantes aos graos que axiña se implantarán. Tal como está prevista a súa implantación, que restrinxe a posibilidade de opositar aos que posúan o máster, significa rematar con máis de 150 anos de cultura práctica: a posibilidade de opositar despois da licenciatura (agora grao).
Ademais crea problemas prácticos sen resolver respecto de como recoñecer aos graduados europeos que queiran ser docentes aquí. Esta reinterpretación autóctona pode ser unha peaxe que non está inscrita no modelo europeo. Boloña é o contrario dunha autarquización que faga derivar o número de prazas do máster dunha relación forzada entre oferta de prazas en secundaria?/?demanda de graduados, medida no marco das comunidades autónomas españolas á que parece abocar este sistema. En ningures está escrito que un licenciado en Bioloxía en Compostela non poida rematar dando clase en Cataluña ou en Flandres, como de feito acontece agora, pero dificultarase no futuro. Demasiadas incógnitas para unha fórmula boa de aplicarse ben.
Haberá que decidir se o que se quere é mellorar a formación dos docentes de Secundaria ou regular o acceso á universidade pola porta faxeira. A universidade pública europea e tamén a galega foi un instrumento inmellorable de igualación social nos últimos corenta anos e a redución innecesaria das expectativas de saída dos titulados pode minguar esa posibilidade considerablemente. ¿E que acontecerá coa oferta privada? O adelgazamento da universidade pública como instrumento de mobilización social ascendente sería unha consecuencia do establecemento dun modelo de máster selectivo e limitante. Todos os males anunciados polos agoireiros do modelo de Boloña confirmaríanse de vez. A solución ten que pasar por un máster que se realice despois da oposición como período de formación obrigado para o acceso á función docente e ao corpo de profesores.
No hay comentarios:
Publicar un comentario