Juan Casares Long, catedrático de Enxeñería Química da USC, Xefe da Oposición no Claustro da USC.
Chegado xa o momento no que se albisca a fin do mandato do actual equipo reitoral, asistimos, a través dos medios de comunicación, á dimisión dun Vicerreitor. Non calquera, senón aquel a quen correspondeulle ao longo dos últimos tres anos ser a persoa de confianza do Reitor, quen o substituía na súa ausencia nos actos de goberno ou de representación, segundo a delegación de funcións establecida.
Sae o representante do grupo integrante da coalición reitoral que, hai menos dun ano, dixo publicamente que as cousas non ían ben, que de sobresaínte nada, nin tan sequera aprobado.
Naquel momento podería entenderse a súa saída, hoxe tan so semella ser unha estratexia electoral para que os membros da USC esquezan dentro duns meses que el é tan partícipe da xestión dos últimos anos como os demais. Se non, ¿como é que os demais membros da corrente que representa, sigan nos seus postos?.
Ábrese deste xeito un longo período pre-eleitoral, aos tres anos escasos do que sempre semellou ser unha alianza de conveniencia cara a compartir poder, que non fixar un novo rumbo a unha Universidade que camiña lonxe dos seus dirixentes, incrementando sen pausa a distancia entre os xestores e todos os colectivos universitarios.
Porque sería bo que os Sres. Reitor e ex-Vicerreitor explicaran que fixeron os dous, membros presentes no Consello Universitario Galego que aprobou o actual Plano de Finanzamento, sen rechazalo ningún deles, que era manifestamente insuficiente para a nosa Universidade. ¿Cómo é que nos últimos tres anos aseguraron un novo plano para 2008, despois 2009 e hai uns meses 2010, sen que os membros da Universidade coñeceramos as causas dos retardos e ningún dos termos do proxecto do teórico novo plano?
Porque sería bo que os Sres. Reitor e ex-Vicerreitor, explicaran cómo é posible que nos últimos anos non se abrira en ningún momento un debate sobre a reforma radical dos planos de estudo que formalmente debe homologarnos cos países do noso contorno e falar agora de que os estudantes malinterpretan. ¿E que dita reforma se faga a custo cero cando todos sabemos que son moitos os recursos financeiros e humanos necesarios para que a reforma acade os obxectivos desexados?
Porque sería bo que os Sres. Reitor e Ex-Vicerreitor, explicaran como é posible que con moito camiño xa comprometido do futuro académico da Universidade e por elo das expectativas cara aos vindeiros anos, se fale de facer unha planificación estratéxica agora. ¿Do que xa está en marcha?, ¿do que está por definir?. E seis meses despois de comezar dito traballo, por medio dunha empresa consultora, sen o liderado e a tutela do Claustro, como se fixera na ocasión anterior, ninguén, fora da elite que está no poder, coñece o que se está a facer. Quizais porque participando colectivamente agora racharía o efecto sorpresa cara a próxima elección de Reitor o porque tentasen deixar “todo atado e ben atado”, non vaia ser que as cousas non resulten despois do seu agrado. E como a xente está a recluírse en si mesma, a facerse silenciosa, aprobarase no Claustro, sen dúbida.
Porque sería bo que os Sres. Reitor e ex-Vicerreitor explicaran como mantiveron ao longo destes anos una política de investigación monolítica, con criterios predeterminados, sen ter en conta as especificidades das áreas de coñecemento.
Porque sería bo que os Sres. Reitor e ex-Vicerreitor explicaran como uns e outros levan toda a década prometendo novas infraestructuras académicas como o Campus da Saúde presentando moitas maquetas, e o mesmo co Xardín Botánico; sinalando incluso a data de comezo dalgunha das obras como o outono do 2006 para a Facultade de Ciencias da Educación na precampaña das anteriores eleccións a Reitor. A hora da verdade, se cadra se fai algún edificio de investigación, tamén necesitado, financiado polo FEDER e a Xunta de Galicia.
E que dicir da Escola Infantil do Campus de Lugo, cuxa apertura anunciaron nas dúas campañas anteriores, sendo aínda un edificio fantasma, construído e pechado.
Eso si, levamos un tempo urbanizando o entorno do viveiro de empresas do Campus Sur, que non digo que non faga falta, pero que certamente non está entre as necesidades básicas a cubrir na nosa Universidade.
E seguimos a esperar algunha nova da arriscada aventura de inversión no mais castigado dos sectores económicos a través da promoción inmobiliaria do antigo hospital de Galeras, que hipotecou, hai xa seis anos, moito do patrimonio propio dispoñible, e parece que para moito tempo no mellor dos casos.
Porque sería bo que os Sres. Reitor e ex-Vicerreitor, dirannos a coñecer onde está o noso compromiso institucional cos países do Sur, non en forma de asistencia a reunións ou a compartir algún proxecto conxunto, senón implicándose como cooperación ao desenvolvemento nos países máis necesitados.
E que non é de recibo que sigan a pasar os anos e a Universidade de Santiago siga a carecer dunha plantilla teórica tanto do PAS como do PDI o que supón que dificilmente poderemos ter capacidade de decisión sobre o noso futuro sen previamente coñecer as expectativas de recursos humanos.
A responsabilidade de quen liderou o grupo de independentes que obtivo o cincuenta por cento dos votos directos válidos nas últimas eleccións a Reitor, e a autoridade derivada deste feito, esíxenme agora seguir falando alto e claro, non só como veño a facer dende hai tres anos nos Consellos de Goberno, no Claustro e nas comisións das que formo parte, senón por medio da presente carta aberta a toda a Universidade.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario