sábado, 12 de septiembre de 2009

ELECCIÓN DO/A REITOR/A POR SUFRAXIO UNIVERSAL

A asociación de estudantes "Vindeiros historiadores, xeógrafos e historiadores da arte da USC" quere mostrar o seu apoio ó mantemento do actual sistema de elección do Reitor por medio do sufraxio directo da totalidade da nosa comunidade universitaria.

Posicionámonos frente a grupos de presión que pretenden poñer en valor a súa minoría presentando fórmulas de elección indirectas, opacas, e de escasa representatividade frente a vontade xeral da USC.

Neste contexto suscribimos o seguinte manifesto:


ELECCIÓN DO/A REITOR/A POR SUFRAXIO UNIVERSAL

Ante a noticia de que se pretende promover unha modificación dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela para suprimir a elección do/a Reitor/a por sufraxio universal e directo e volver á elección do mesmo polo Claustro, os abaixo asinantes, membros da Comunidade Universitaria, manifestamos:

1º.- A elección do/a Reitor/a por sufraxio universal e directo, introducida pola Lei Orgánica de Universidades de 2001, é un avance innegable na participación da Comunidade Universitaria no goberno da Universidade, ten contribuído moi positivamente a corresponsabilizar a todos os membros da mesma nesa labor e facilita os procesos de cambio que de xeito periódico necesita unha institución centenaria como é a nosa.

2º.- Aínda que a vixente lexislación universitaria permite volver á elección do/a Reitor/a polo Claustro, dita volta atrás esixiría una reflexión sosegada e aberta a toda a Comunidade Universitaria, na que se explicasen minuciosamente as razóns que aconsellarían tal cambio, e que deberían ter un peso suficiente para compensar a perda de capacidade de participación que o mesmo comportaría.

3º.- Uns meses antes do inicio dun proceso de elección de Reitor/a non é o momento máis axeitado para iniciar este debate, que nas actuais circunstancias da Universidade de Santiago de Compostela só se pode interpretar como un intento de cambiar as regras de xogo no último intre, alterando o normal desenvolvemento da sucesión no máximo órgano unipersoal da institución.

Por todo o exposto, solicitamos:

1º.- Ós promotores desta iniciativa, que recapaciten sobre a inoportunidade de presentala nestes momentos e, conseguintemente, a retiren.2º.- Ós órganos universitarios con competencias no procedemento de reforma estatutaria, e moi especialmente ó Claustro, que, de manterse a proposta, a rexeiten.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2009.

No hay comentarios: