martes, 10 de junio de 2008

Máis de douscentos historiadores danse cita en Santiago na X Reunión da Fundación Española de Historia Moderna

A USC, en colaboración coa Universidade da Coruña, organiza a X Reunión da Fundación Española de Historia Moderna (FEHM) coa participación de máis de douscentos historiadores. As xornadas terán lugar do 11 ao 13 de xuño en Compostela, na Facultade de Xeografía e Historia, e en Ferrol, no centro de Humanidades e Salón de Actos do Campus de Esteiro.

A inauguración oficial do encontro celebrarase este mércores 11 no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, ás 9:30 horas nun acto presidido polo vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto. Deseguido, o profesor da USC Antonio Eiras Roel pronunciará a conferencia inaugural do encontro ‘As cidades galegas ante o cambio dinástico. Das Xuntas do Reino seiscentista ás reformas de Nova Planta’.

A continuación comezará unha quenda de relatorios na que intervirán José Ignacio Fortea Pérez co tema ‘A cidade e o fenómeno urbano na España da Ilustración: entre a estabilidade e o cambio’ e José Manuel Pérez García cunha intervención na que analizará o papel do mar como factor de desenvolvemento demográfico na España costeira.

O profesor da USC Pegerto Saavedra abrirá ás 16:30 horas o programa da tarde cunha reflexión arredor de ‘As cidades e a difusión de novos modelos culturais’, para seguir con Ricardo Franch Benavent co relatorio ‘As sociedade marítimas e o mundo dos negocios na España moderna’.

O programa do xoves celebrarase no Campus de Ferrol da Universidade da Coruña a partir das 10:30 horas coa presenza de María Vitoria López-Cordón Cortezo para falar sobre ‘Casa para administrar, casas para deslumbrar: a pedagoxía do Palacio na España do século XVIII’. A continuación María del Carmen Saavedra Vázquez referirase á política e guerra marítima na España do Antigo Réxime. A mañá completarase coa celebración da asemblea xeral da FEHM.

O encontro rematará o venres, de volta na Facultade de Xeografía de Historia, nunha xornada que abrirá ás 9:30 horas José Manuel de Bernardo Ares co relatorio titulado ‘Poder do ‘reino’ (cidades) e poder do ‘rei’ (secretarías, consellos e audiencias no século XVIII): elites, dereito, guerra, finanzas e facenda’. Seguiralle Mª de los Ángeles Pérez Samper coa intervención ‘O mar vivido, o mar soñado’. A conferencia de clausura, ‘As cidades galegas en véspera da Guerra de Independencia’, impartirana o catedrático Baudilio Barreiro Mallón, en homenaxe a quen tamén se presentará un libro conmemorativo da súa recente xubilación.

Tanto as comunicacións como os relatorio programados para esta xuntanza articúlanse en torno a dous eixos temáticos principais, o mundo urbano no período da Ilustración e o mar nos séculos modernos. Relativo ao primeiro explicaranse as cidades e a difusión de novos modelos culturais na época, o caso español no XVIII, as relacións co poder real, ademais de explicar as transformacións da paisaxe urbana coas novas distribucións da poboación, pautas de consumo, alimentación ou vestiario.

Por outra banda, no apartado acerca do mar na época Moderna trataranse os comportamentos demográficos e familiares, as economías nestas sociedades, o goberno e control marítimo e a importancia do mar no interior e na cultura.

A Fundación
A Fundación Española de Historia Moderna existe como tal dende 1999, sendo resultado dun cambio xurídico da Asociación Española de Historia Moderna. Realiza un amplo labor a favor do modernismo a través de publicacións, reunións científicas e mantén ao conxunto dos seus membros ao día das novidades relacionadas con esta parte da Historia.



--------------------------------------------------------------------------------------------
colgado por:

Luis V.
Asociación de Estudantes
VINDEIROS

1 comentario:

Anónimo dijo...

"insuficincia" de enchufes??????? castelan tampouco sabedes.... e se non penso q sexa nin sequera un peqno problema isea??? a min preocupame q o meu estudo sirva para algo............. non caralladas